Sunday 12 de May de 2024

Neda volverá a acoller o “rastrillo solidario” impulsado pola Asociación Sociocultural ASCM


Poderá visitarse na Casa das palmeiras dende este mércores ata o 16 de novembro

Tras o seu breve paso pola Sala Curuxeiras do Porto de Ferrol, o “rastrillo solidario” organizado pola Asociación Sociocultural ASCM chega este mércores á Casa das palmeiras, coa colaboración do Concello de Neda. A iniciativa, que regresa ao municipio tras anos de ausencia, servirá para recadar fondos para seguir traballando pola plena inclusión das persoas con discapacidade.

O mercadiño, que será atendido polo voluntariado da entidade, funcionará ata o día 16 de novembro, e contará con produtos de interese para todo tipo de público, uns cedidos por particulares e empresas, e outros elaborados polas propias persoas asociadas.

Destacan dende a entidade que quen se achegue a este mercado efémero atoparán un catálogo de libros con auténticas xoias ocultas, e subliñan ademais a variedade en elementos de enxoval e mesmo xoguetes. Xunto a todo iso, ofertarase unha ampla variedade de artigos elaborados polo taller de labores da entidade e tamén artesanía. Así, venderanse os tradicionais pastilleiros da asociación, ademais de chaveiros ou pulseiras que, no caso de Neda, levarán mesmo o nome da localidade.

A cita solidaria, imprescindible para os curiosos de toda a comarca, poderá visitarse a diario entre as 11 e as 13.30 horas e as 16.30 e as 19.30 horas, salvo os mércores que só estará aberto pola mañá. Os fondos recadados servirán para financiar o labor da asociación e os seus programas para favorecer a inclusión das persoas con discapacidade.